martes, 2 de abril de 2013

Atlas

A columna “pé de pau” sostiña a casa toda. Non era a máis fermosa, nin tan siquera a máis robusta, pero sostiña a casa toda. Poderían sobrar todas as demais columnas, agás a “pé de pau”. A casa dos Soto levaba perto de trescentos anos en pé, aínda que ninguén lle botaba contas. Era unha casa pobre para xente pobre. Aillada e escura, case a fundirse co monte. Comezou a erixila Balbino Soto pouco antes de casar coa Manoliña dos Peares. O primeiro que chantou no chan foi a columna “pé de pau”. Era o centro do que sería o universo familiar. Na base, cunha navalliña, grabou “Noliña”tal e como lle ensinara a escribilo don Rodrigo, o cura da vila. Despois foi facendo o seu redor o resto da casa. Hoxe en día xa non queda ningún Soto en Moscoso e na casiña no vive ninguén. O tempo comezou a desfacela ó revés de como foi feita. De fora para dentro. Descomponse. A columna “pé de pau” sostén a casa toda. Non é a máis fermosa, nin tan siquera a máis robusta pero sostén a casa toda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario