sábado, 18 de mayo de 2013

Eco

Qué máis queres? Ti pos os soños i eu os agarimos. Ti as promesas i eu as bágoas. Ti os proxectos i eu o rosto contra o frío mármore do chan dos hospitais.
Non hai día que non caia. De xeonllos esfuracados, de nocellos quebrados por manter os compases dos teus beizos.
Quén che canta? Quén te chama? Nin un intre viras as costas por ver se sigo camiñando. I eu sedenta, de lingua fora, engulo o pó que vas deixando. De boca seca, de alma ferida...
És a auga e non me das, és espello do deserto, lúa nova das cobizas dunha deusa. Non tes acougo nin sesta. Non escoitas os meus prantos? Os meus berros doloridos? Os meus ouveos de espanto?
Ficarei doente e soa, de ventre seco e peitos florecidos, a rosmar o meu laio repetido contra os muros desta cova en que se tornou o mundo enteiro. Morrerei e co meu sangue regarrei o leito dos narcisos, e así vivirei por sempre no canto dos poetas.
E tí, o máis fermoso ser da natureza, por ferir a miña gorxa cunha frecha e rexeitar este amor que me envelena, endexamais coñecerás o que é a beleza!

miércoles, 8 de mayo de 2013

Vencido

Poida que unha noite a lúa chea alumée o camiño certo a Ítaca, mais non vai ser esta noite. Nin a vindeira noite.
Poida que chegue un tempo en que os ventos sopren favorables i enchan as téas do meu veleiro, e me empuxen até petar  á porta da miña casa. Pero non estamos nese tempo. Nin ese tempo será mañá.
Poida que todo sexa un soño alucinado nunha noite de verán. Poida que esperte no meu catre, afogado en sudor, coas roupas pegadas en todo o corpo. Mais non vou espertar ainda. Ainda non. Non agora.
Namentras, só respiro este cheiro a muller que me envelena e me consume. Namentras, as miñas ásperas mans e os meus debezos primitivos se perden por entre as sedas vaporosas dos ropaxes dunha deusa. Na busca da caricia doutra pel. Na busca da humidade dun centro. Un desexo coma unha sede irracional, coma un morrer de febre e medo.
Xa non podo loitar máis. Os meus tempos de loita remataron no ventre dun cabalo de madeira.
Tan só unha cousa máis antes de cair rendido e derrotado. Un derradeiro desexo de home namorado.
Oh,Calipso! Oh, deusa! Oh, beleza!, déixame chamarte Penélope.

sábado, 4 de mayo de 2013

Nana

Ruxe, ruxe, vento do norte,
alento de xeo, fanática lexión;
peta na porta, rínchalle os dentes,
medo no corpo,
Por qué choras meu amor?

Chora, chora, no berce novo,
bágoas salgadas, son de trebón;
terror nouturno, soños de auga,
ríos de espanto,
Qué te asombra? Qué che doe?

Mece, mece, movemento perpétuo,
reloxo eterno, mecánica canción;
danzar sinxelo, ronsel dos soños,
camiño certo,
Ónde foches rei-señor?