jueves, 11 de abril de 2013

Camiños

Cada busca un camiño. Era un igrexa pequena. Tan pequena que nin estilo artístico tiña. Nin románico, nin gótico, nin rabo de gaita. Era de pedra, coma todas. A porta estaba pechada. Chamou con tres sonoros golpes. Cada camiño un destino. Saíu un cura de sotana negra, tan vello que nin idade tiña. Nin oitenta, nin noventa, nin corpo que os aguante. Era triste, coma todos. Cada destino un fin. - Qué queres fillo? Preguntoulle – Estou buscando ós meus pais. Dixéronme que viviron nesta aldea. Cada fin unha morte. - És o fillo do Antonio e máis da Carme. Aseméllaste ben. Queres velos? - Si, padre. Cada morte unha pregunta. Entraron no cemiterio, e pararon diante dun panteón. - Eiquí os tés. Moito choraron por ti e máis por teu irmán. - Irmán? Teño un irmán? Cada pregunta unha busca.
Cada busca un camiño...
Cada camiño un destino...
Cada destino un fin...
Cada fin unha morte...
Cada morte unha pregunta...
Cada pregunta unha busca...

No hay comentarios:

Publicar un comentario