viernes, 5 de abril de 2013

Transicións

Caíralle a metade da galleta na cunca do almorzo. Isto en sí xa era unha contrariedade, pero na contra de flotar como era a reacción normal que ten este tipo de biscoitos no leite con cacao, déuselle por afundirse cun sonoro “flop!”. Colleu a culler para recuperala e notou a segunda cousa estrana nesa mañá... Non tocaba o fondo da cunca! Fitou para a culler en toda a súa longura e comezou a subila e baixala coa testa ladeada e na face unha expresión incredulidade. Por un intre creu que soñaba. Subiu a culler unha derradeira vez e soltouna. Flop! Papouna!! Non podía ser. Qué estaba a pasar? Probou primeiro  a meter os dedos índice e medio. O leite estaba morno. A estes dedos seguironlle o anular, o meiniño e o polgar. En fin a man enteira. Tentou apalpar, primeiro ós lados, e despois, onde tiña que estar o fondo, non tocaba nada, só leite. Erguéuse da cadeira e comezou a meter o brazo. Cando chegou a altura do cóbado, fitou para a cunca e observou con curiosidade como conforme arrimaba a testa, coa perspectiva, o bico da mesma parecíalle máis grande. Decidíu seguir pescudando... Flop!
Carme espertou. Puxo a bata e foi para a cociña. Paulo xa marchara. Deixara o leite sen acabar e a mesa sen recoller. Este home!! Colleu a cunca e vaciouna polo vertedeiro. De seguido preparou unha camomila. Non toleraba a lactosa!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario