jueves, 4 de julio de 2013

Pandora

   Camiñas e mentres camiñas vas danzando cos traseúntes que fluctúan polas beira-rúas. Esquerda, esquerda, dereita, dereita, xiro, un, dous, tres... Non. Non é camiñar. Bailas... Navegas... Non hai máis vento que o que deixas, coma liñas debuxadas na atmósfera, coma fíos de perfumes orientais...
   Eu son un can vello e os folgos non me alcanzan. Non me importa. Sei a dónde vas. Son a sombra escura que te segue a todas partes. Son esa persoa que cando viras as costas, tes medo de atopar. Coñezo todos os camiños. Son o mensaxeiro, e noutrora tiña alas nos nocellos coas que podía voar...
   E chegas e te botas nos seus brazos. Chegan os bicos. Os agarimos e os ollares de paixón enfebrecida. Falades. Non chego a entender o que falades. So escoito a música que fan as gorxas, mais non entendo as cancións que interpretades.  Miro o redor. Moita xente. Xente de máis. De súpeto un coñecido! Un veciño do teu pai! Conteño o alento. Non vos mira, vai fotrelando no teléfono. Aloucados! Qué perto estivestes de cair!
   Entrades no hotel. Agardo no café de enfronte, sen perder de vista a entrada. Nunca me distraio. Son o vixiante, e noutrora os meus ollos podían ver alén do mar... Voan as teas, pasan as horas... Agardo... Sempre agardo...  
   Saídes. Chega a despedida. Máis bicos. Podo sentir a vosa dor coma as bágoas dun poeta. Él vaise cara ó mar. Ti voltas cara o monte. Paseniño. Xa non danzas... Xa non voas... Agora so te moves por inercia... Parece que vai chover. Paras un taxi. Desapareces dentro, engolida polo monstro de metal. Adeus.  
   Vou cara a parada do autobús. Mentres agardo, saco o teléfono e escribo a mensaxe. "A nena xa está a voltar para a casa nun taxi. Foi a academia e despois a tomar un café cunha amiga. Non houbo máis novidades."  
   Por primeira vez no día, respiro. Xa podo deixar de apretar os dentes. A caixa segue fechada. 

4 comentarios:

  1. Hala, cómo me gusta... Este ó millor cho pido para empregalo en clase. (traducido ó castelán, iso sí, porque son profe de castelán...)

    ResponderEliminar
  2. As miñas letras son libres. É todo teu. Sólo che pido que, se finalmente o empregas, mo digas que me fará moita ilusión!

    ResponderEliminar
  3. Pero terás que traducirmo; eu non me atrevo... E non só cho diréi, poderás velo...;)

    ResponderEliminar
  4. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar