domingo, 21 de julio de 2013

Fenrir

   - Como chove, como trona, traio o casaco enchoupado, o corpo xa aterecido me treme de arriba abaixo i estou morrendo de frío. Acudídeme, por Dios! abride a porta, veciños! teño os pes esfuracados de andar por estes camiños, xa non podo dar un paso, axuda por Dios vos pido!
   - Adediós! quén berra fora? Quén nesta noite do Demo vai espertando ós cristianos que están na cama durmindo?
   - Outro cristián que agoniza e vai buscando cobixo.
   - Cómo te chamas irmán?  
   - Chámome Ludvig, señor, e veño de peregrino.  
   - Non é nome destas terras, ves de lonxe meu amigo! Pero non quedes na porta, entra na casa ó abrigo. Quita esa roupa mollada, que teño o lume acendido.  
   - Grazas, señor, non pensei, pasar desta noite vivo, que traio o medo no corpo desde que crucei o río.  
   - Entón qué viches rapaz? unha moura? a Estadea? Ou quizáis viches un trasno que che nublou os sentidos?
   - Moito peor, meu señor, aínda tremo ó decilo, pois vin un lobo tan grande coma un cabalo crecido. Tiña os ollos amarelos coma o lume dos infernos, era máis negro que a noite  con dentes coma coitelos.  
   - Acouga un pouco, rapaz, que agora estás baixo teito e non hai lobo nin can, que se poida meter dentro. O chegar o día, os dous, subiremos O Cebreiro e formaremos partida para cazar a ese demo.
   - Deus o bendiga, señor, estou canso coma un neno, non lle importa que me deite ó carón deste braseiro?
   - Non me importa tal, rapaz, colle esta manta e descansa, que mañán pola mañá temos que sair de caza. Quixo Deus no seu poder, que chegaras a esta casa, que é o fogar do mellor matalobos da comarca. Acouga e durme, rapaz. Acouga, durme e descansa...  
   Ó chegar a madrugada, polo teito da lareira, entrou un luar de maxia, deixando todo bañado nunha morna luz de fadas. E na misteriosa noite sen que ninguén o notara no lugar dun peregrino, había un lobo na casa.  
   Cando clarexou o día o rapaz xa non estaba, e de Xan o Matalobos, nunca máis se soubo nada.

2 comentarios:

  1. Non sei se é adrede ou sen querer, pero os primeiros párrafos teñen rima... Moi bonito e tremendamente galego. Un saúdo, Beni.

    ResponderEliminar
  2. Quixen facer unha homenaxe aos vellos romances de cegos dos que nos falaban os nosos avós. Tamén quixen escoller a figura do lobishome e a do peregrino por todo o que ten que ver coa Galiza Máxica. A rima non foi buscada pero sí que pretendín que tivese algo de música ou ritmo cando se leese en voz alta. Grazas por comentar. Un forte bico Teresa.

    ResponderEliminar