jueves, 6 de junio de 2013

Espertar

- Qué agochas tras da porta?
- Tras da porta agocho un can. Un can pequeno e brincadeiro, de ollar inquedo. Sempre anda a abanear o rabo e ten a lingua a pendurarlle por fora da boca
- Qué agochas tras da porta?
- Tras da porta agocho unha flor. Unha flor vermella que parece que estoupa en vivo sangue. Ten o corazón marelo e mol, e o seu cheiro faime cósquegas no profundo do nariz.
- Qué agochas tras da porta?
- Tras da porta agocho unha dama. Unha dama xove e virxinal que se namorou de mín. Todos os seráns senta nunha pedra a carón da fonte, e se pon a suspirar, e a desfollar margaridas até que cae a noite.
- Qué agochas tras da porta?
- Tras da porta agocho un neno. Un neno pequeno e repoludo que babexa e fai gu-gú. Cando me achego, move as súas manciñas cara a mín, para que o colla no colo e lle cante o seu ro-ró.
- Qué agochas tras da porta?
- Nada agocho tras da porta. Non hai porta, nin parede, nin cela. Todo é soño. Todo é maxín. Nin eu son o que che conto, nin tampouco son o que ti ves. Non preguntes o que sabes. Non me queiras destruir.
- Qué agochas tras da porta?
- Tras da porta agocho o mundo enteiro.
- Vaite!

2 comentarios:

  1. ¡¡¡¡¡¡amigo,que bonito,que entrañable...!!!!!!! Con mucho cariño te mando un besote .!!

    ResponderEliminar
  2. ¡¡¡¡¡¡amigo,que bonito,que entrañable...!!!!!!! Con mucho cariño te mando un besote .!!

    ResponderEliminar