miércoles, 27 de marzo de 2013

Ansia

De nena tiña un mar dentro dos ollos no que podía afogar o mundo enteiro. O seu ollar era auga, sal e vento. Era un ollar limpo e azul incapaz de descifrar as almas dos malos homes. Na illa sempre lle chamaron "a nena" inda que todos souberan que se chamaba Rosa. O seu riso facía que se aledasen os corazóns. Tiña vida e daba vida.
Pasaron os anos e lle perdín o fío. Non é que esquecera á nena, pero deixei de vela, ou se a vin non fun consciente delo. Tiven anos moi turbios no que todo foi a trompos e en desorde. Tamén andiven fora algún tempo.
Onte voltei vela. Eu estaba ollando pola fiestra como a choiva pintaba cortinas d'auga ó lonxe. Pronto estaría sobre a illa a empapalo todo e a mudar as cores a un ton máis escuro.
Vin a súa figura de muller polo carreiro que leva á praia da lagoíña. Pensei no paso do tempo. A nena tería xa os seus vintadous ou vintatrés anos cumpridos. Non quixen botar a conta dos que tiña eu. Fixen o aceno de saludala mais non me viu. Baixou pra area, de pés nús e fralda volandeira. Ollou pra o mar e unha bagoa lle acariñou a meixela. Agarda a alguén ou quere fuxir, pensei. O seu corpo arqueaba cara o mar como se a súa alma quixera sair puxando polo peito. Chegara a chuvia e estaba a empapala toda. Nena! Chamei, ai, Rosa! Mais non me escoitou.

No hay comentarios:

Publicar un comentario