Tentei chegar até os niños dos feixes de luz que vomitan as lanternas, tentei chegar e camiñei arreo a pesares de que me doían as pernas. As miñas pernas, as túas pernas. Tentei chegar até as paredes onde se esmagan os sons das voces dos homes e dos cantos dos reiseñores. Hoxe o Muro é unha rúa de Nova Iorque. Sempre o foi. Tentei chegar a pesares de que me sangraba o corazón a borbotóns, cuspindo sangue, a pingar en todo o chan. Sangue derramada para todos vos, para todos nos, para todos os fillos de puta que lle rouban o pan ós pobres. Tentei chegar até a fábrica de fume que engule todas as esperanzas, pero de súpeto vou vello, vello de cabeza monda, sen pernas, sen as miñas queridas pernas das que tanto gostei, coas que sempre soñei bailar ó ritmo dos valses das cortes europeas. Tentei chegar, mais sen pernas, teño que arrastrar o bandullo por camiños cheos de pedras e fochancas. Por máis que estiro os ollos non chego, nin tan siquera a cheirar as néboas que pacen no cume dos piñeiros. Tentei chegar e a cada chanzo as distancias multiplícanse, por catro, por oito, por vintatrés. Hai un paxaro famento que ven a comerme o fígado, sempre, cada día. E agora eu non teño pernas coas que fuxir e a lingua desfíxoseme na boca, tras os dentes. Sen pernas xa non hai home, nin titán, nin deus. Agora so hai un verme a tremer, que chora cando sinte na caluga a sombra axigantada do zapato.
lunes, 15 de abril de 2013
jueves, 11 de abril de 2013
Camiños
viernes, 5 de abril de 2013
Transicións
Caíralle a metade da galleta na cunca do almorzo. Isto en sí xa era unha contrariedade, pero na contra de flotar como era a reacción normal que ten este tipo de biscoitos no leite con cacao, déuselle por afundirse cun sonoro “flop!”. Colleu a culler para recuperala e notou a segunda cousa estrana nesa mañá... Non tocaba o fondo da cunca! Fitou para a culler en toda a súa longura e comezou a subila e baixala coa testa ladeada e na face unha expresión incredulidade. Por un intre creu que soñaba. Subiu a culler unha derradeira vez e soltouna. Flop! Papouna!! Non podía ser. Qué estaba a pasar? Probou primeiro a meter os dedos índice e medio. O leite estaba morno. A estes dedos seguironlle o anular, o meiniño e o polgar. En fin a man enteira. Tentou apalpar, primeiro ós lados, e despois, onde tiña que estar o fondo, non tocaba nada, só leite. Erguéuse da cadeira e comezou a meter o brazo. Cando chegou a altura do cóbado, fitou para a cunca e observou con curiosidade como conforme arrimaba a testa, coa perspectiva, o bico da mesma parecíalle máis grande. Decidíu seguir pescudando... Flop!
Carme espertou. Puxo a bata e foi para a cociña. Paulo xa marchara. Deixara o leite sen acabar e a mesa sen recoller. Este home!! Colleu a cunca e vaciouna polo vertedeiro. De seguido preparou unha camomila. Non toleraba a lactosa!!
miércoles, 3 de abril de 2013
A lamia
Era unha noite coma calquera outra noite. Unha noite na que o luar envolve en prata as rúas e os pensamentos. Unha noite de namorados e pantasmas. Facía frío. Un frío húmido como se acostuma no inverno en todas as vilas a carón do mar. Facía un bo anaco que non se cruzara con ninguén. Deixou voar o maxín e por un intre sentiuse como o único home vivo na face da terra. Isto inquietouno e decidiu pensar noutra cousa. Quizais na rapaza que o atendera na cervexaría. Era ben xeitosa e fora moi atenta con él. Vaia parvada... Pagábanlle por ser atenta, non sí? Aínda así tiña un sorriso fermoso... apurou o paso. Condanada cidade! Todas as rúas lle parecían iguais. Alomenos houbera un taxista ou un policía para poder preguntarlle como chegar á pensión. Pareceulle escoitar a alguén. Un extrano murmurio que proviña de máis adiante. Avanzou. Un laio. Un choro. Parou un intre antes de virar a esquina. Xirou e viuna. Era unha especie de nena pequena e gordecha, encollida contra a parede. Hola, dixo o rapaz, estás ben? Non houbo resposta. Achegouse máis. Hola? Tocoulle no hombreiro e a nena xirouse. O luar alumeou o rosto. Non tiña ollos, nin nariz. Era todo boca. Unha boca grande e desproporcionada que lle fendía a testa en dous.
martes, 2 de abril de 2013
Atlas
A columna “pé de pau” sostiña a casa toda. Non era a máis fermosa, nin tan siquera a máis robusta, pero sostiña a casa toda. Poderían sobrar todas as demais columnas, agás a “pé de pau”. A casa dos Soto levaba perto de trescentos anos en pé, aínda que ninguén lle botaba contas. Era unha casa pobre para xente pobre. Aillada e escura, case a fundirse co monte. Comezou a erixila Balbino Soto pouco antes de casar coa Manoliña dos Peares. O primeiro que chantou no chan foi a columna “pé de pau”. Era o centro do que sería o universo familiar. Na base, cunha navalliña, grabou “Noliña”tal e como lle ensinara a escribilo don Rodrigo, o cura da vila. Despois foi facendo o seu redor o resto da casa. Hoxe en día xa non queda ningún Soto en Moscoso e na casiña no vive ninguén. O tempo comezou a desfacela ó revés de como foi feita. De fora para dentro. Descomponse. A columna “pé de pau” sostén a casa toda. Non é a máis fermosa, nin tan siquera a máis robusta pero sostén a casa toda.
viernes, 29 de marzo de 2013
A ras de chan
As mans, aterecidas da friaxe, doíanlle coa extrañeza dunhas mans alleas e recoller as moedas do chan tornábase un xogo de damas ruín. ¿Para qué demo puña a lata se despoís lle guindaban as moedas por fora? Se conseguía xuntar dabondo, antes das nove, podería tomar un café quente na tasquiña o pé da lonxa. Contou a limosna e botou contas. A ese ritmo o do café non ía ser doado...
O frescor da mañán e a humidade que rubía do peirao traspasaba o corpo e lambía até dentro da propia alma. Encolleu o pescozo, a modo de tartaruga, para meter o máis posible da cabeza dentro do chaquetón e baixou o gorro por riba das orellas. Só se lle miraban os ollos tristes e cansos e o bico do nariz. Pola beira rúa comezouse a escoitar o golpeteo rítmico duns tacóns de muller. Era unha muller ben bonita, cunha figura estilizada e uns andares enérxicos. Namentres se foi achegando, foina recoñecendo. O seu primeiro impulso foi saudala. ¡Cánto tempo que non a vía! ¡Puidera ser que desde a universidade! Até tiveran un breve amorío de xuventude, algo que tiña que ver máis coa paixón que co amor verdadeiro, aínda que tiña que recoñecer que lle deixara unha morna e doce lembranza pousada no corazón. Decatouse da súa situación e sentiu vergoña. Unha vergoña fonda e escura coma un céo sen estrelar. Encolleuse aínda máis no gabán e evitou mirala. A muller parou diante dél e, por un intre, pensou que o recoñecera. Afundiuse un pouco máis. Escoitou o son metálico das moedas dentro da lata. A muller seguiu o seu camiño.
Cando deixou de oir o taconeo, colleu folgos e ollou a recadación. Despois de todo, podería tomar ese café. As bágoas picábanlle nos ollos se atrevérense a sair de todo, recolleu as súas míseras pertenzas e dirixiuse cara a tasca. Ao virar da rúa, unha muller camiñaba cara o traballo. En silencio. Tamén choraba.
Fraxilidade
Espertou e non lembraba onde estaba. No escuro das formas non recoñecía o cuarto. Apalpou o seu redor e dou cun interruptor que prendeu a feble luz dunha lampariña de mesa. Qué facía alí? Ó pouco decatouse que tampouco se lembraba de quén era. Ergueuse e camiñou nú cara a fiestra e descorreu ás cortinas. Estaba nunha pranta baixa. O terreo fora era extranamente chá. Sen vexetación. Non se avistaba a ninguén ó frente, nin perto, nin nese inquedante hourizonte lonxano. Foi cara a porta e ó botar a man ó pomo fixouse na extrama rugosidade das súas mans. Sempre foran así? Cánto tempo era “sempre”? Xirou e empurrou. Entrou a calor de fora. Saíu. O ceo estaba dun azul intenso, infinito e hipnotizador. Comezou a notar o vento e un agradábel formigueo lle percorreu todo o corpo. O home estaba feito de area e bastou unha morna brisa en arremoíño para desfacelo na atmósfera. Non quedou del nin a máis lixeira lembranza